CONTOS DE REIS E DE NADAL
ISBN: 9788497826327
Contos de Reis e de Nadal, libro escrito por Miguel Vázquez Freire e ilustrado por Xosé Tomás, contén na súa primeira parte catro contos de Reis (“A mañá do monstro”, “A Noite de Reis da Princesa”, “Marquiños quería un balón”, “Xandro e Tomé”) e, na segunda, outros tres de Nadal (“A viaxe de Fátima”, “O home que reconstruía a súa casa” e “O señor Scrooge tiña razón”). Nos do ciclo de Reis aparecen nenos aos que os Magos nunca lles traen o que piden; nenas que cando chegan os Reis Magos aínda están espertas, e nenos, coma Xandro, que pese a que os de Oriente si lles traen o que lles piden, só son felices cando comparten os xoguetes con outros nenos que teñen menos. Nos contos do ciclo de Nadal, hai mulleres que foxen da guerra e da fame e queren que o seu fillo naza en Europa; e hai homes que constrúen de novo a súa casa cada vez que unha bomba as destrúe. Sete contos, escritos co clasicismo narrativo do conto emotivo, sete portelos para construír un mundo máis solidario e feliz dende a infancia.